Monday 20 de May de 2024

A gastronomía galega representa á cociña española en Italia, Irlanda e Chile con motivo do ‘Día mundial da tapa’


As capitais destes países acollen actividades de difusión dos valores gastronómicos galegos coa participación dos cociñeiros Luís Veira e Antonio Botana que representarán á cociña española en Roma e Santiago de Chile

As cidades de Roma, Santiago de Chile e Dublín acollen acontecementos destinados a promover a gastronomía de Galicia, que representa á cociña española no ámbito internacional, con motivo da celebración do ‘Día mundial da tapa’, organizados por Turismo de Galicia en colaboración con Turespaña.

A Real Academia de España na capital italiana foi o escenario dunha velada na que participaron 250 persoas entre xornalistas especializados, críticos gastronómicos, profesionais do turismo, diplomáticos e autoridades de Italia e na que a cociña galega foi a protagonista da gastronomía española na celebración do ‘Día mundial da tapa’.

En Roma, o chef Luís Veira, do restaurante coruñés distinguido con estrela Michelin Árbore da Veira, ofreceu varias tapas vinculadas aos produtos gastronómicos galegos máis característicos, logo de comentar cos asistentes os ingredientes utilizados e a súa preparación.

Promoción en Chile
Por outra parte, desde o pasado xoves, Santiago de Chile acolle as actividades de promoción da gastronomía galega con motivo do ‘Día mundial da tapa’ que neste caso estenderanse ata mañá.

Como en Roma, a gastronomía galega representa a España neste acontecemento que comezou na Embaixada española cun acto de presentación no que participou Turismo de Galicia e o cociñeiro Francisco Botana, do restaurante Pandemonium, de Cambados.

Ao longo destes días, Francisco Botana tamén ofreceu unha conferencia a estudantes de Cociña da Universidade Chile Duoc UC e participou en demostracións relacionadas coa gastronomía galega.

Taste of Dublín
Por último, dentro da celebración do ‘Día mundial da tapa’ no que a gastronomía galega ten un protagonismo especial, a capital irlandesa acolle desde o pasado xoves o acontecemento ‘Taste of Dublin’ que está situando en primeiro plano a nosa cociña nesta cidade.

Así, está previsto que nesta promoción participen máis de 35.000 persoas, e na que Turismo de Galicia dispuxo un recinto no que se poden degustar produtos gastronómicos galegos e viños das denominacións de orixe protexidas galegas.

Ademais, durante estes días, Turismo de Galicia ofrece información sobre o destino turístico aos asistentes.